Figura 1: Carro do País
Casa Barreiro (A Laracha)
Figura exposta na II Esfolla Popular |
O CARRO
Non canta na Chá ninguén.
Por eso o meu carro canta.
Canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.
Non hai canto tan fermoso:
fino como un asubío.
Anque é, ás vegadas, saudoso,
faise, no ar, rechouchío.
O meu carro é cerna dura:
sábese carballo e freixo.
¡Que fermosa a súa feitura!
¡Que lixeireza a do eixo!
As cousas vanse aledando
por onde o meu carro pasa.
¡Carrétame herba pró gando!
¡Traime a colleita pra casa!
Manuel María, Terra Chá, 1954
Partes dos carros galegos
O carro galego ou carro do país está formado por dúas partes fundamentais:
- O chedeiro é unha plataforma na que se deposita a carga. Está composto por:
- As chedas: largueiros que dan forma ao carro e sobre as que se arman as restantes pezas do chedeiro. A súa composición varía dunhas zonas a outras dando lugar a diferentes tipos de carros.
- A cabezalla, tamén chamado botoallo, cazualla ou lanza que é a parte dianteira do carro na que van inseridas as chavellas que serven para amarrar o xugo. Nalgúns tipos de carro a cabezalla é independente das chedas, noutros forma parte da mesma peza.
- As cadeas son as travesas que unen as dúas chedas conformando, xunto con elas, a estrutura do chedeiro. O seu número pode variar dependendo da lonxitude e a robustez do carro.
- As chumaceiras están na parte inferior do chedeiro, ancoradas nas chedas. Son os conxuntos de pezas que serven de apoio e guía ao eixo. Cada unha delas está constituída polo cloucón, as treitoras e a apeladoira.
- Os fungueiros, tamén chamados fueiros ou estadullos.
- O mozo ou tentemozo.
- A galga, freo do carro.
- O rodado está composto por:
- As rodas, moi robustas, están formadas por tres pezas de madeira e reforzadas por pezas de ferro. Van unidas ao eixo cun axuste con forma de tronco de pirámide cadrada e xiran xunto con el.
- O eixo, constituído por unha soa peza, móbil, é un dos elementos diferenciadores do carro con respecto a outros sistemas de transporte. Debe ser moi robusto e resistente ao desgaste. É o responsable do cantar característico dos carros.
Imaxe dun Carro do País |
Fontes: Wikipedia e Son de Poetas